Tuesday 30 de April de 2024

A XIII Festa da Merenda de Aiazo sobreponse á tormenta da fin de semana e reúne a milleiros de visitantes en torno ás tortillas de masa


Esta edición confirma que os mozos e mozas da comarca convertéronse nos auténticos protagonistas desta festa, tanto coas carpas na área recreativa coma no recinto feiral

A XIII Festa da Marenda de Aiazo (Frades) foi un éxito de participación, pois está a reunir a varios milleiros de persoas en torno ás tortillas de masa con torriscos. Unha afluencia que se agarda que se incremente en gran número esta mesma tarde, coincidindo coa verbena coas orquestras París de Noia e Principal, que sempre arrastran a milleiros de fieis ata Aiazo.

A festa, organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos” e na que colabora o Concello de Frades, estase a desenvolver con normalidade a pesares do mal tempo do venres e do sábado, que mesmo fixo que se difundira un falso rumor sobre a cancelación da Festa da Merenda, algo que desmentiron taxantemente os organizadores.

Se ben o domingo non choveu, a forte tormenta do venres e do sábado  condicionou en gran maneira o desenvolvemento da festa. En primeiro lugar, porque as zonas de aparcamento estaban molladas e, nalgúns tramos, enlamadas, o que provocou que centos de persoas optaran por deixaren os seus vehículos canda a igrexa e baixar a pulso as comidas e bebidas. O outro condicionante é que, se ben a área recreativa Os Pasos estaba en óptimas condicións, non estaba o día como para xantar tumbados no chan ou ao aire libre como en edicións anteriores, polo que practicamente todos os postos contaban con pequenas tendas para xantar a cuberto.

Cambio xeracional

A festa comezou puntualmente ao mediodía, momento no que unhas 25 cociñeiras e unha ducia de axudantes comezaron a cociñar as máis de 1.000 tortillas de masa que se repartirán durante toda a xornada. As quendas organizadas coas cociñeiras farán que dende as 12:00 e ata as 23:30 horas non deixen de saír tortillas de masa con torriscos en ningún momento. Ademais das degustacións gratuítas, a organización continuou un ano máis coas vendas de merendas para levar a casa en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas. Isto, unido ao euro de colaboración que os asistentes poñían a cambio dun pano branco conmemorativo e as rifas para unha cesta por dous euros permiten ao asistente colaborar no financiamento da Festa da Merenda.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou á asociación “Os Pasos” polo seu excelente traballo e destacou que “estamos diante dunha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a produto tradicional e ao cariño e traballo co que o elaboran estas cociñeiras”. Roberto Rey estivo acompañado por todos os concelleiros do grupo de Goberno.
Este ano confirmouse unha tendencia que xa se viña apreciando anos atrás pero que durante a actuación da Charanga Mekánica e os seus temas rock quedou máis evidenciado: a diminución do público maior que é substituído por un público familiar e, sobre todo, mozo. De feito, practicamente toda a área recreativa estaba este ano ateigada de mozos e mozas chegados de toda a comarca e que quedan a pasar todo o día na festa.

Música

A iso das 16:00 horas comezou a gran Foliada da Merenda, que contou coa participación dos grupos Reviravolta (Lardeiros), Os amighos da túa prima, Faíscas da Pontraga (Ordes) e os locais Sarillo (Aiazo). Ás 18:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Principal, que como todos os anos coincidirá coa chegada de milleiros de mozos e mozas seguidores destas orquestras que aproveitaran para bailar e comer “merendas” ata ben entrada a madrugada..

A Festa da Merenda é posible grazas ao traballo da Asociación de Veciños de Aiazo, que comeza días antes coa selección do touciño e demais ingredientes das tortillas de masa: auga, ovos e fariña, ambos caseiros, o que lles dá un sabor diferenciado a estas “merendas”. Se a Festa da Merenda naceu co obxectivo de que os máis novos coñecesen a tortilla de masa e a importancia que tivo en décadas pasadas (cando era un dos pratos máis empregados na posguerra), agora a “merenda” converteuse nunha festa para todas as idades, especialmente para os mozos e mozas da contorna.